Saturday 04 de May de 2024

Intervención do Speis por un accidente en Sedes con persoas atrapadas no interior dun vehículo


Intervención do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (Speis) de Narón rexistrada na noite de onte.

Ás 22.00 horas o Speis recibe un aviso da Axega-112 sobre un accidente con persoas atrapadas no interior dun vehículo rexistrado na estrada AC-112, na zona de Cantalarrana, na parroquia de Sedes. Un turismo Renault Megane impactou contra a fachada dunha vivenda e o condutor, un varón de 64 anos, quedou atrapado no interior. Debido ás lesións que sufriu foi excarcelado polos bombeiros do Speis e a persoa que o acompañaba, a muller, sufriu feridas de carácter leve. Os dous ocupantes do turismo foron evacuados ao hospital por unha ambulancia do 061 medicalizada e outra asistencial.

Como resultado do accidente na vivenda resultou afectado un muro de peche, se ben non afecta á estabilidade da mesma.

Ademais dos profesionais do Speis interviñeron o 061, axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local de Narón.

A intervención rematou sobre as 23.00 horas.